Novas

21-12-2018 -

Monicreques de Kukas representa este sábado en Perlío “O Encoro Enmeigado”

No marco do programa “Ven a Perlío-Fene Vivo”, a compañía Monicreques de Kukas representará este sábado, 22 de decembro, a súa obra “O Encoro Enmeigado”. Será a partir das 18 horas no CCRD de Perlío, con entrada libre e de balde.
21-12-2018 -

XVIII Festival de Panxoliñas do Concello de Fene este sábado en Barallobre

Todas as corais e rondallas de Fene tomarán parte mañá sábado, 22 de decembro, no XVIII Festival de Panxoliñas-Concello de Fene. Celebrarase a partir das 20 horas no CPS Liga de Amigos de Barallobre, con entrada libre e de balde. Organizado polo Tradicoro, na cita colaboran o CPS e a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa.
20-12-2018 -

O Concello investirá 484.000 euros na ampliación do cemiterio municipal e construción de cinceiros funerarios

A proposta do goberno municipal integrado por PP e Somos Fene, o pleno do Concello de Fene acordaba onte destinar un investimento cercano ós 484.000 euros para a ampliación do cemiterio municipal de Barallobre. Unha intervención que contempla a construción de 126 columnas de nichos e cinceiros funerarios; a reurbanización destes novos espazos; a instalación dun osario municipal e dun forno de queima de residuos. Dese investimento, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que 187.597,98 euros procederán da Deputación provincial e os restantes serán aportados polo propio Concello.
20-12-2018 -

A igrexa parroquial de Barallobre acolle este venres o Concerto de Nadal a cargo de Voices

A igrexa parroquial de Barallobre albergará mañá venres, 21 de decembro, o Concerto de Nadal-Voces en Femenino, a cargo da compañía Voices, integrada por voces femininas que conta cun amplo repertorio de versións de distintos estilos, dende pop a góspel, pasando por baladas. Será a partir das 20 horas con entrada libre e gratuíta. Unha cita organizada pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa coa colaboración do CPS Liga de Amigos de Barallobre.
20-12-2018 -

Fene inaugura este venres unha mostra sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos do Museo da Imprensa de Portugal

No marco da programación de Nadal, o Concello inaugura este venres 21 de decembro no salón de plenos da consistorial unha exposición sobre o 70ª aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (efeméride que se conmemorou o pasado 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos).
20-12-2018 -

Arranca o curso Robótica para comerse o tarro

O curso “Robótica para comerse o tarro” que promove a Concellería de Benestar Social que dirixe Juana Barro arrancaba a semana pasada no CCRD de Perlío. Unha actividade dirixida a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos que se celebrará ata o 2 de febreiro e na que se abordarán materias como programación, minecraft, realidade aumentada, scratch, prototipos 3D, simulacións con robots ou novas tecnoloxías. O departamento municipal informa de que queda algunha praza libre, polo que os mozos e mozas interesados/as aínda poden anotarse no no whatsapp 670 034 625 ou no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín.
19-12-2018 -

Reunión informativa este xoves no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene sobre o programa “Vacacións en Paz”

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Juana Barro, convida ós veciños e veciñas de Fene a tomar parte mañá xoves, ás 11 horas, nunha xuntanza informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” que se celebrará no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín-. O programa consiste na acollida de nenos/nenas saharauis procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria) ata Galicia, para que pasen dous meses de verán (xullo e agosto) acollidos por familias, neste caso, do termo municipal de Fene.
19-12-2018 -

O Concello convida a vir a Perlío para disfrutar da obra “O Encoro Enmeigado” de Monicreques de Kukas

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, convida a nenos e maiores, veciños e visitantes, a asistir este sábado, 22 de decembro, ó espectáculo “O Encoro Enmeigado”, a cargo da prestixiosa compañía Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis recoñecidas do panorama teatral galego. A súa función inclúese no marco do programa “Vén a Perlío-Fene Vivo”, terá lugar no CCRD de Perlío e comezará ás 18 horas con entrada libre e de balde. Así mesmo, dende o Concello cursouse convite ós centros educativos e se animen a disfrutar dunha obra única.
19-12-2018 -

Aberta a inscrición na Carreira e Andaina de San Silvestre do Concello de Fene

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida organiza o día 29 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 3,75 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. A inscrición xa está aberta na web www.carreirasgalegas.com e o prazo pecharase o 25 de decembro ás 23,59 horas -non se admitirán inscricións presenciais o mesmo día da proba.
18-12-2018 -

A Casa da Cultura de Fene modifica os seus horarios durante o Nadal

Co gallo das festas de Nadal, a Casa da Cultura variará os seus horarios. Cambios que serán efectivos a partir deste sábado, 22 de decembro, e ata o 7 de xaneiro, incluído. Así, os horarios de todas as instalacións da Casa da Cultura –Biblioteca, Museo do Humor, Aula de Estudo e Sala de Exposicións Temporais- pasará a ser de luns a venres de 10 a 14,15 horas. Así mesmo, os días 24 e 31 de decembro, sábados, domingos e festivos permanecerá pechada.