Novas

17-02-2020

Últimas prazas libres para os obradoiros de disfraces e cociña entroideira

Este mércores, 19 de febreiro, remata o prazo para anotarse no “Obradoiro de disfraces e xincana” e no taller “Cociñamos en familia!” que organiza a Concellería de Cultura de Fene no marco do ciclo “Fene vai de entroido”. Os/as pequenos/as que desexen apuntarse poden facelo no Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta.) até o mércores, incluído, en horario de 8.30 a 14.00 horas.

O obradoiro de cociña entroideira “Cociñamos en familia!” terá lugar o luns 24 de febreiro, de 17 a 19 horas, no local do CCRD de Perlío. Vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos (acompañados dunha persoa adulta). Nel, os/as participantes elaborarán en parellas doces típicos do Entroido coma rosquillas, orellas ou torradas. A actividade é de balde pero o número de prazas é limitado (12 nenos/as + 12 adultos).
11-02-2020

Fene vai de Entroido

Até o vindeiro 19 de febreiro o Concello de Fene mantén aberto o prazo de inscrición para as agrupacións que queiran participar no desfile e festival de comparsas que terá lugar o mércores 26 de febreiro, festivo local no Concello de Fene. Como é tradicional, o programa deste día grande do Entroido fenés completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá. Pero as actividades do ciclo "Fene vai de Entroido" comezarán xa o luns 24 cun obradoiro de cociña entroideira.
04-02-2020

Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada na Casa da Cultura de Fene

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que a Casa da Cultura de Fene estrea exposición baixo o título “Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada”. Obras de pintura ao óleo, acuarela, poesía e arte manual que poderán verse a partir de mañá mércores na sala de exposicións temporais. Aínda así, o acto de inauguración oficial terá lugar o venres 7 de febreiro ás 20 horas, con entrada libre.

A partir de entón, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h; os sábados de 10 a 13 h, e os días 24 e 25 de febreiro de 10 a 14,15 horas. O sábado 22 e o mércores 26, a sala permanecerá pechada.
28-01-2020

Clausura este mércores en Fene da mostra “Poñendo luz á noite”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor acollerá este mércores 29 de xaneiro o acto de clausura da exposición “Poñendo luz á noite”, da pintora fenesa Ana Basoa Rioboo. Será a partir das 20 horas e, nel, a artista fará balance do paso da mostra por Fene, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. Así mesmo, o acto contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.
24-01-2020

O Concello de Fene abre a inscrición no Festival de Comparsas de Entroido 2020

Fene acollerá o mércores 26 de febreiro o seu tradicional desfile e festival de comparsas de Entroido e, para fomentar a participación, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, sinala que o Concello destinará unha partida de 7.500 euros en concepto de axudas ás comparsas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata as 14 horas do 19 de febreiro e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera outro procedemento establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, presentando toda a documentación requerida nas bases do certame –publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
03-01-2020

Os Reis Magos visitarán Fene este domingo para atender as peticións dos máis pequenos da casa

Convidados polo Concello, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Fene este domingo para facer un percorrido polas rúas do municipio e compartir a tarde cos máis pequenos da casa. Atenderán as súas peticións e, preto da noitiña, partirán para iniciar o reparto de agasallos polos fogares do municipio.

Así, a súa chegada a Fene está prevista para o domingo ás 17,30 horas. Irán a Perlío, fronte a Aguilar, para iniciar un itinerario xunto aos seus paxes pola Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida Naturais, rematando na praza do Concello, onde serán recibidos polo alcalde, Gumersindo Galego. Neste lugar, e baixo carpa, ocuparán os tronos que instalará o Concello e atenderán as peticións de nenos e nenas. Haberá festa infantil, con música, animación e moitos caramelos.
27-12-2019

Concerto de Nadal de María do Ceo na Liga de Amigos de Barallobre

A cantante María do Ceo actúa este sábado, ás 20 horas, no local da ACRD Liga de Amigos de Barallobre. No concerto, dirixido a todos os públicos e con entrada libre, a artista portuguesa interpretará fados, panxoliñas e cancións do seu último disco "Cancións para nenas e nenos". Trátase dunha iniciativa da Rede de Dinamización Lingüística-Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa "Nadal en Rede". 
27-12-2019

O Gran Pedrini trae á Casa da Cultura o seu espectáculo “Coas mans na maxia”

O Concello de Fene porá este luns 30 de decembro o broche de ouro á programación cultural do ano 2019 con maxia. O Gran Pedrini ofrecerá no salón de actos da Casa da Cultura o seu espectáculo “Coas mans na maxia”, a partir das 12 horas e dirixido a un público familiar. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
26-12-2019

XIX Festival de Panxoliñas este domingo na Igrexa Grande de Maniños

A Igrexa Grande de Maniños acollerá este domingo 29 de decembro o XIX Festival de Panxoliñas. Unha cita prevista inicialmente para a pasada fin de semana, pero que foi aprazada por mor da alerta vermella. Así, retomarase este domingo a partir das 20 horas.
26-12-2019

A programación cultural de Nadal continúa este venres con O Libro Máxico e a proposta Rock entre pais e fillos

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este venres 27 de decembro o espectáculo “O Libro Máxico”, dirixido a un público familiar e infantil de entre 5 e 10 anos. Incluído na programación cultural municipal, a edil de área, Rocío Bértoa, sinala que a función dará comezo ás 12 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo.Ademais, pola tarde, a partir das 19 horas e no local social do CCRD de Perlío, celebrarase o concerto Rock entre pais e fillos.